Friday 17 de May de 2024

O Carme do Castelo festéxase na Pobra durante esta fin de semana


A Pobra do Caramiñal prepárase para vivir ao longo de tres xornadas a festividade do Carme do Castelo, para a cal o Concello e a comisión de festas impulsan conxuntamente unha programación cunha vertente relixiosa, cultural e lúdica.

A actuación de The Cachas & Cousins marcará o inicio das actividades no venres 15. Será ás 22.30 horas, na praza do Emigrante.

O folclore galego será o gran protagonista na xornada do sábado 16. O lanzamento de bombas de palenque, ás 09.00 horas, anunciará o comezo do día para, ás 10.00 horas, dar paso ás alboradas polas parroquias a cargo de Caraveiros, Trécola e Pequenos do Barbanza. A tradición continuará con Arrancadeira, a partir das 13.00 horas, nos Xardíns de Valle-Inclán; e co pasabares con Faíscas da Pontraga, ás 20.30 horas. Xa pola noite, a praza Alcalde Segundo Durán acollerá, das 22.00 horas en diante, o VI Festival Folk con A Requinta da Laxeira e Pandeireteiras Sen Fronteiros.

A mañá do domingo 17 espertará, ás 09.00 horas, coas bombas de palenque para que, ás 10.00 horas, a música volva ás parroquias, desta vez da man de Xiada e Banda de Música Ateneo Musical da Pobra. Este último grupo retornará ao centro da localidade para ofrecer unha actuación ás 12.00 horas, nos Xardíns de Valle-Inclán. Pola tarde, ás 19.00 horas, oficiarase a Misa solemne na honra da Virxe do Carme na igrexa parroquial de Santiago da Pobra do Deán e, deseguido, sairá en procesión marítima. E a noite estará amenizada, a partir das 22.00 horas, por unha nova sesión da Banda de Música Ateneo Musical da Pobra, no Cantón da Leña.

A novena celebrarase no referido templo ata o día 16, ás 20.00 horas.